Entre el 2 junio y el 15 de julio
Leer másOs responsables da Catedral piden 31 anos de cadea para o ladrón do Códice Calixtino
A acusación particular exercida pola Catedral de Santiago no proceso pola subtracción do Códice Calixtino solicita para o ladrón confeso, José Manuel F.C., penas que suman 31 anos de prisión por un delito de roubo continuado con forza, outro de roubo con forza –por levar o Códice–, seis delitos contra a intimidade e outro de branqueo.
No escrito de acusación rexistrado este martes no xulgado, a acusación pide sete anos de prisión por un delito continuado de roubo con forza pola subtracción de documentación e outros efectos da basílica compostelana. Ademais, solicita cinco anos de cárcere polo roubo con forza do Códice Calixtino; e dous por cada un dos seis delitos contra a intimidade polo apoderamento de cartas e documentos privados de media ducia de persoas da Catedral.
A iso, suma outros sete anos de pena por un delito de branqueo de capitais xa que, segundo argumenta a acusación particular, o diñeiro subtraído o empregaba para a compra de bens persoais. Na argumentación, o avogado da Catedral sostén que o acusado se apropiou de xeito “ilícita” das chaves e subtraeu diñeiro e documentación da Catedral durante varios anos. Segundo a documentación recollida no proceso, as cantidades subtraídas suman 2.546.679 euros dende agosto de 2000 ao primeiro semestre de 2012.
Con respecto ao Códice subliña que José Manuel F.C. tiña coñecemento do seu valor e importancia e sostén a acusación que, con chaves obtidas de xeito ilícito, e “valéndose da confianza” e do coñecemento de horarios dos traballadores accedeu ao arquivo, sacouno e escondeuno debaixo da cazadora, levándoo a un trastero da poboación de Milladoiro, onde o escondeu nunha caixa.