Deportes Vigo al minuto

A Universidade de Vigo revalida o título de Campiona de España de Taekwondo

Os medallistas vigueses

A Universidade de Vigo logrou repetir título por terceiro ano consecutivo no Campionato de España Universitario, celebrado esta fin de semana en Murcia, organizado pola Universidade Politécnica de Cartagena (no CAR Infanta Cristina de Los Alcazares). Finalmente os taekwondistas galegos lograron dez medallas (catro ouros, dúas pratas e catro bronces).

Os deportistas que representaban á Universidade de Vigo renderon a un altísimo nivel e así lograron acadar o título de campión, igual que nos dous anos anteriores. E iso a pesar de que era o equipo con menos representantes dos que lograron unha praza no podio (Valencia foi segunda e Barcelona, terceira). Este ano apreciouse un notable descenso na participación (140 deportistas), ao coincidir con outros compromisos internacionais.

En total, os deportistas da Universidade de Vigo conseguiron sete medallas: catro ouros, unha prata e dous bronces. Os ouros foron para Laura Lorenzo (-46), Francisco Padín (-68), Borja Ríos (-63) e Lara Ouviña (-62), que fixeron un campionato perfecto. Ademais, Borja e Laura revalidaron o título acadado o pasado ano en Madrid.

A medalla de prata foi para Raúl Bouzas (-74) que non puido loitar polo título xa que non disputou a final por sobrecarga nos xemelgos.

Ademais, Raúl está volvendo á competición despois de seis meses parado, por culpa dunha lesión de xeonllo na Copa do Rei do 2012. O primeiro torneo foi o Open de España e o Universitario a súa segunda proba. E aínda houbo máis preseas. Os bronces de Janet Diéguez (-62) e Marta Colón (-57)

Katia Calvar cambiou de peso para axudar ao seu equipo e competiu en -67, xa que en -62 contaban con Lara. Superou o primeiro combate, pero caeu contra Diana Vázquez no segundo combate (4-3). Bo traballo o da galega. E por último, sinalar que Manuel Rodríguez (-80) perdeu no segundo combate (7-4).

O equipo da Universidade de Vigo ao completo

Ademais, temos que destacar resultados doutros galegos que non competiron na Universidade de Vigo. Pola UNED estaban en Murcia Fernando Rascado, Juan Fernández e Lúa Piñeiro, con dúas medallas no peto, que aínda podían ser mellores se non foxen polas lesións. Fernando Rascado (-80) logrou a prata, pero non puido competir na final por culpa dun problema físico, mentres que Lúa Piñeiro (-67) foi bronce e tampouco puido disputar esa semifinal para buscar o paso á final. Por último, destacar que Juan (-58) caeu no segundo combate.

E para rematar, destacar o bronce de Cristina Leboreiro (-62 quilogramos), que acudiu a este campionato en representación da Universidade Francisco de Vitoria, de Madrid. Cristina enfrontouse na semifinal a Lara Ouviña, que foi a campioa de España universitaria.

 

También te puede interesar