O conselleiro de Educación asegurou este mércores que o seu departamento “non falará de acoso escolar no caso do menor de Vigo” supostamente agredido no colexio Santa Cristina, e remitiu ás conclusións que derivarán da investigación da Fiscalía.
En declaracións aos medios antes de participar nun acto no Museo Pedagóxico de Galicia, Jesús Vázquez rexeitou falar do caso como acoso escolar, dado que se dan “outras circunstancias” e subliñou que este asunto está xa en manos da xustiza que “será a que determine as circunstancias”.
Os pais do menor retiraron o pasado 14 de marzo ao seu fillo do Colexio Santa Cristina tras sufrir unha agresión por parte dun compañeiro. O seu pai, Guillermo Castro, rexeitou que se tratase dun caso illado, e mantivo que seu fillo era vítima de acoso escolar ao tempo que subliñaba que os responsables do centro e a inspección de Educación non fixeron nada para correxir esta situación.
Ante estas declaración, a directora do colexio, denunciou aos pais por aldraxes e calumnias, mentres que a Consellería de Educación trasladou á Fiscalía de Menores o absentismo escolar do neno, que non volveu a clase dende hai dous meses.