A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá a partir deste luns, 27 de maio, dous cursos de socorrismo en instalacións acuáticas e espazos acuáticos naturais dirixidos prioritariamente a persoal desempregado, que terán lugar na súa sede, na Estrada.
O obxecto dos cursos é que os alumnos adquiran a formación necesaria para o exercicio da actividade de socorrismo establecida no Decreto 104/2012, no que se fixa a formación mínima dos socorristas. Os cursos conteñen varios módulos coma a prevención de accidentes, o rescate de accidentados, a natación, primeiros auxilios, e a sensibilización medioambiental, entre outros.
Os curso de socorrismo en instalacións acuáticas terá unha duración de 388 horas e realizarase integramente nas intalacións da AGASP e o de socorrismo en espazos acuáticos naturais de 438 horas, parte da cales serán impartidas en praias galegas, tanto fluviais coma marítimas.
Os alumnos que superen os cursos obterán o certificado de profesionalidade de Socorrismo en instalacións acuáticas (AFDP0109) ou de Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFDP0209) establecidos polo Real decreto 711/2011 do 20 de maio.
Decreto de socorrismo
No mes de abril do ano pasado, o goberno galego aprobou o decreto que fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos, e crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia, ca finalidade de contribuír a garantir a axeitada prestación de servizos de socorrismo en instalacións acuáticas e espazos acuáticos naturais de Galicia, a través da esixencia de que os profesionais conten cunha formación mínima baseada nos estándares do catálogo nacional de cualificacións profesionais.
A norma establece que esta formación permite inscribirse nun rexistro de socorristas acuáticos de Galicia e obter unha habilitación que será expedida pola Academia Galega de Seguridade Pública e que é imprescindible para o exercicio profesional do socorrismo en Galicia, o que ofrecerá unha garantía da axeitada prestación de servizos de socorrismo de calidade á cidadanía.
Este decreto será de aplicación aos socorristas que exerzan a súa actividade en instalacións acuáticas, e en espazos acuáticos naturais de Galicia que, segundo a normativa vixente, teñan a obriga de ter un ou máis socorristas con titulación en materia de salvamento e socorrismo acuático, entendendo por instalacións acuáticas, as piscinas convencionais de uso público ou privado, piscinas naturais, parques acuáticos, balnearios e instalacións análogas dedicadas a actividade acuática; e por espazos acuáticos naturais, as praias marítimas e fluviais, ríos, lagos e embalses.