A prórroga do recargo do IBI para 2014 daralle aos concellos un novo respiro e permitiralle aliviar a asfixia económica na que moitos están inmersos, facilitándolle así o mantemento de servizos básicos.
A medida, que xa se aplicou en 2012 e que tamén se aplicará en 2013 e 2014, suporalle aos 51 concellos adheridos ao ORAL un incremento na recadación duns 47 millóns de euros.
Esta modificación provisional do imposto de bens inmobles afecta sobre todo a aqueles contribuíntes que tiñan unha base impoñible moi desfasada, cuns tipos impositivos moi baixos e ponencias de valores con máis dunha década de antigüidade e, incluso, con máis de 20 anos.
De feito, na provincia de Pontevedra hai 32 concellos que teñen ponencias de valores anteriores a 2002 e, en moitos casos, sen actualizar desde os anos 80.
Os 51 concellos con xestión tributaria delegada no ORAL incrementaron os seus ingresos por IBI en 8,4 millóns de euros en 2012 con respecto a 2011. Isto obedece non só á suba do IBI, senón tamén á labor de actualización dos padróns que está a facer o ORAL e que permite sumar inmobles que non estaban dados de alta.
En 2013 este incremento de ingresos con respecto a 2011 estímase que será de 17,7 millóns e, en 2014, se se mantén suba do IBI e a porcentaxe de novas altas por actualización dos padróns, o incremento rondará os 20,6 millóns.
Deste xeito, os 51 concellos adheridos ao ORAL recadarán en 3 anos un total de 46.852.397 millóns de euros máis do que recadarían se non se estivese traballando na posta ao día dos padróns de inmobles e se se mantivesen os tipos impositivos nos niveis de 2011.