Vigo al minuto

Vidal Bolaño e Rosalía, protagonistas no MARCO o martes e mércores

Mañá martes 28 de maio e o mércores 29, o salón de actos do MARCO (7 e media da tarde) acollerá dous actos relacionados coa celebración do Día das Letras Galegas: a proxección dun documental de Gonzalo Enríquez Veloso sobre Roberto Vidal Bolaño, e unha conferencia-coloquio en torno ás figuras de Rosalía de Castro e Vidal Bolaño, que estará a cargo de Uxía Blanco e Xavier Castro.

Neste caso, a conferencia está organizada dende o Servizo De Normalización Lingüística do Concello, no contexto das actividades programadas ao redor do Día das Letras Galegas.

Gonzalo Enríquez Veloso, autor do documental  ‘Recuperando o Roberto Vidal Bolaño’, xa rodou tres documentais sobre os protagonistas do Día das Letras Galegas  nos tres últimos anos: Valentín Paz Andrade, Lois Pereiro, e Roberto Vidal Bolaño. Os proxectos son  abordados dende diferentes perspectivas, mais conservan rasgos estilísticos e conceptuais. Aínda que o tema central é o autor homenaxeado, o documental articúlase a partir de entrevistas e charlas con  distintas persoas (familiares, amigos, colegas, compañeiros, críticos…) que se converten tamén en coprotagonistas. No caso de Vidal Bolaño, os participantes son, entre outros, Roi Vidal, Laura Ponte, Belén  Quintáns, Quico Cadaval, Manuel Lourenzo, Rodrigo Roel, Rubén Ruibal, Xosé Manuel Fernández Castro,  Paco Macías, Carlos Mejuto, Dolores Vilavedra, ou Inma López Silva.

Conferencia- Coloquio ‘Rosalía de Castro e Roberto Vidal Bolaño: Unha visión nos espellos do calexón do gato’ A actriz Uxía Blanco e o escritor Xavier Castro conducirán este acto, no que se ofrecerá unha perspectiva  caleidoscópica de Rosalía incidindo na particular visión que tiña sobre ela Roberto Vidal Bolaño. Asi mesmo, poderemos ollar en directo, pola maxia do cinema, o seu traballo actoral e o seu labor como  autor e director. Convidarase ao público a que sexa partícipe e protagonista neste acto.

 

También te puede interesar