Galicia

O BNG de Mos ratifica a súa denuncia por prevaricación contra Nidia Arévalo

O voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de Mos compareceu este venres ante o titular do Xulgado de instrución número 3 de O Porriño, para prestar declaración como testemuña nas dilixencias previas abertas pola Fiscalía para aclarar presuntas contratacións irregulares por parte da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (PP).

Segundo Miguel Anxo Aldea, esta é a segunda vez que comparece ante o xulgado tras denunciar as supostas irregularidades da rexedora. De feito, o BNG presentou no seu día tres denuncias: unha pola compra de varios coches, outra polo cambio de compañía aseguradora do Concello  e outra pola contratación dun traballador.

O representante do BNG xa compareceu ante o xulgado como testemuña o pasado 24 de maio  e este venres o fixo para responder ás preguntas do xuíz, o fiscal e o avogado defensor de Nidia Arévalo, sobre a compra de tres coches a unha empresa do compañeiro sentimental da alcaldesa, “sen que houbese un procedemento regulado nin se pedisen outros presupostos”.

Nestas dilixencias previas  tamén se pretende aclarar por que o Concello cambiou de compañía aseguradora e subscribiu contratos cun axente de seguros que, “casualmente”, é o mesmo propietario da empresa que vendeu os coches á casa do concello.

Miguel Anxo Aldea explicou que se ratificou en todas as denuncias e no caso do presunto trato de favor a ese empresario vinculado coa rexedora, mesmo presentou ante o xuíz unhas fotografías nas que se lles ve xuntos durante unha viaxe a Arxentina, e que foron publicadas pola Asociación de Mosenses neste país sudamericano.

O voceiro do BNG sinalou que, independentemente de que as dilixencias xudiciais rematen nunha imputación ou sexan arquivadas, “ten que haber consecuencias políticas”. “Os feitos que se denuncian son suficientemente graves para que a alcaldesa dimita”, apuntou.

 

También te puede interesar