O 061 asistiu, dende as 3 da tarde do pasado venres ate as 12 da noite deste luns a 74 persoas debido a 49 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado con 20 accidentes e por provincias foi A Coruña a que rexistrou máis accidentes con 20 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
A Central do 061, recibiu nestes días 56 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 48 e do 52%, respectivamente, e por idades dos feridos, un 45% por dos atendidos tiña entre os 15 e os 39 anos.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 68. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a cinco sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 53 accidentes e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco ocasións. As ambulancias convencionais mobilizáronse en cinco ocasións.
En 62 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 10 foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado, un se atendeu nun centro de atención primaria e unha persoa faleceu no lugar do sinistro.