O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego fixo balance dos dous anos do goberno vigués do presente mandato ao que acusou de “incapacidade para xestionar os recursos propios e de falta de liderazgo na cidade”. O BNG salientou a falta de novas iniciativas fronte ás emendas presentadas polo Bloque en servizos sociais, emprego ou ensino.
Ademais de amosar a súa impresión da “incapacidade do alcalde para liderar a cidade e conseguir consensos cidadáns”, a portavoz nacionalista criticou o feito de que Abel Caballero “non é quen de facer que outras administracións cumpran coas súas obrigas e competencias coa cidade” e incluso de non conseguir o apoio do seu propio partido é de sacarlle partido a ser o vicepresidente da FEMP. “Estamos agardando a que iso lle serva para algo a esta cidade, máis alá de que de vez en cando el vaia a Madrid”, destacou.
Para Iolanda Veloso, unha eiva fundamental do goberno de Caballero consiste en que o alcalde non é capaz de xestionar os propios recursos, o cal, entende, é debido en boa parte á descoordinación que existe entre os diversos departamentos municipais. “Todo ten que pasar por Alcaldía, que o paraliza todo ao actuar como un funil”, sinalou.
Exemplo destes “graves problemas de xestión”, é a incapacidade para poñer en marcha o plan de compensación contra a crise, unha das emendas do BNG aos orzamentos de 2013 que está sen executar. “Para a xente que necesita pagar recibos e comer hai cousas que van máis alá das cuestións simbólicas”, dixo en referencia a importancia que o alcalde lle concede a Peinador fronte á grave situación pola que atravesan moitas familias viguesas.
Veloso afirmou que “escolle como símbolo Peinador porque non pode escoller o porto, xa que ten moito que ver co feito de que non sexa nodal, ou o AVE”, engadíu. Neste sentido, a portavoz nacionalista criticou que o alcalde se atribúa as iniciativas postas en marcha polo BNG durante a etapa na que tivo responsabilidades de goberno, pero tamén as obras desenvolvidas por outras administracións. “Se el se atribúe a estación do AVE, tamén será responsable de que Vigo non teña AVE”, apuntou.
Afondando nesta liña, Iolanda Veloso puxo de manifesto os diversos problemas da cidade nos que o Caballero “ten responsabilidade”, entre os que mencionou a situación do sector naval, o desemprego, o tax lease, a xustiza – coa polémica pola supresión do partido xudicial e a cidade da xustiza – e o novo hospital.
A portavoz municipal do BNG puxo de manifesto o “cambio de postura” levado a cabo por Caballero ao comparar a negativa a cumprir o convenio do novo hospital, “no que tivo o apoio do BNG”, coa negativa a asumir o transporte metropolitano fronte ao empeño en querer pagar parte dos billetes de avión “a un señor de Guimaraes, por exemplo”, sinalou. Segundo Iolanda Veloso este cambio débese a que o alcalde “está xa en campaña”, de xeito que o seu discurso vai variando “xa non en función de intereses partidistas senón por intereses electoralistas”.