Ciencia y Tecnología

Amtega convoca a VI edición do Premio fin de Carreira con Lizenza Libre

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca por segundo ano consecutivo o Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Licenza Libre. Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre 2013, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

Este premio ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar unha importante carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Con esta iniciativa quere premiarse a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira, promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

O premio está dotado inicialmente con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e a posibilidade de outorgar un accésit de 750€, se o xurado o considera adecuado pola calidade dos proxectos presentados. Os patrocinadores desta edición son o CIXUG, cunha achega de 1.500€ e a asociación GPUL cunha achega de 750€, ambos ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.

O obxectivo do premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que o Software Libre constitúe un área de traballo en crecemento.

Os requisitos que deben cumprir os proxectos son ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o Proxecto Fin de Carreira cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Por suposto, neste marco encadraríanse tamén aqueles proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Se algunha asociación, empresa, entidade, … ten interese en patrocinar algunha categoría especial dentro deste premio de igual xeito que en anos anteriores, pode poñerse en contacto organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Xunta de Galicia como da OSL do CIXUG.

Prazos

Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2012-2013. O prazo de presentación de candidaturas remata o 31 de outubro.

 

También te puede interesar