Galicia

Os xulgados de Redondela, Ponteareas, Porriño e Vigo dispoñen dende hoxe de conexión a Internet de 100 Mbps

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) completou no que levamos de ano a implantación  de redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade en 23 edificios das 45 sedes xudiciais existentes nas catro provincias galegas. Nas comarcas de Vigo e O Condado as sedes dos partidos xudiciais de Redondela, Ponteareas e O Porriño contan con esta tecnoloxía. No resto da provincia tamén contan co acceso ás redes de 100Mbps Na as sedes dos partidos xudiciais de A Estrada, Lalín, Cangas, Vilagarcía de Arousa, Marín, Cambados, Pontevedra e Vigo. Son o 84% das sedes xudiciais da provincia.

A mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas.

Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e avanzar na modernización da xustiza con iniciativas como o Plan Senda para introducir as TIC no eido xudicial galego.

A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito os empregados dos xulgados poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

Plan Senda

As medidas do Plan abranguen a mellora das infraestruturas de telecomunicacións das sedes xudiciais, a implantación e actualización dos sistemas de información como Lexnet, Minerva ou Fortuny, a formación do axentes xudiciais e a renovación e implantación de equipamento tecnolóxico que está a permitir a dixitalización dos trámites administrativos, evitando o uso do papel e aforrando desprazamentos.

Plan de Banda Larga

Para o desenvolvemento de iniciativas como o Plan Senda para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, impulsouse o Plan de Banda Larga 2010-2013, que posibilitará que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade que lles permita integrarse de xeito efectivo na sociedade da información.

Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps. O obxectivo final desta actuación é darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con estas redes punteiras, que permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación.

 

También te puede interesar