O titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Bilbao declarou a nulidade dunha cláusula chan, con carácter retroactivo, e condenou á entidade financeira, Novagalicia Banco, a aboar ao seu cliente un total de 11.973 € “indebidamente satisfeitos ata febreiro de 2013”, por considerar que lle impediu beneficiarse da baixada de tipos do 3,25%.
O banco “deberá reintegrar o demandante as cantidades indebidamente satisfeitas” como consecuencia da cláusula, “cos intereses dende a data de interposición da demanda ata a súa sentenza”. Ademais, debido á íntegra interposición da demanda, a entidade deberá facerse cargo das costas procesais.
Segundo recolle a sentenza, coñecida este luns, o contrato de empréstito, subscrito en 1996, acordou un interese variable con chan do 3,25% e teito do 9,75%. Os demandantes, esixiron a nulidade da cláusula chan incluída no contrato e reclamaron, NGB opúxose nun principio, se ben, na audiencia previa admitiu a primeira das pretensións, aínda que precisa que non aplicará a cláusula chan dende a data en que o Tribunal Supremo declarou a súa nulidade, o 9 de maio de 2013.
Na súa resolución, o xuiz considera que a recente sentenza do alto Tribunal limita a falta de retroactividade a ese caso concreto, pero non impide que se poida apreciar a nulidade noutros casos.