Galicia

Nécora, lubrigante, polbo ou lagosta, deixan de estar protexidos dende este luns…outra cousa é o prezo

Este luns, día 1 de xullo, remata a veda de diferentes especies no litoral de Galicia. Así, poderanse capturar nas augas galegas especies como nécora, lumbrigante, polbo, lagosta, conguito e patulate.

O lumbrigante e a lagosta poderanse capturar ata o 30 de setembro. O inicio da veda do resto das especies será publicada no Plan Xeral de Explotación Marisqueira a principios do ano que vén. No caso do polbo a data de inicio da veda do ano que vén fixarase polo correspondente Plan de Xestión que se publicará antes do 15 de abril de 2014.

Ademais, a Consellería do Mar lembra que a centola entrou en veda onte na provincia de Lugo e non se poderá capturar ata o próximo 1 de decembro. No caso da provincia da Coruña e Pontevedra, este crustáceo non se pode capturar dende o pasado 15 de xuño ao 17 de novembro. Tamén cómpre recordar que dende o pasado 28 de xuño non se pode extraer boi das nosas augas, esta veda permanecerá ata o 1 de decembro.

Cabe destacar que ata a apertura á extracción destas especies, o Servizo de Gardacostas de Galicia tiña establecido un sistema específico de vixilancia para controlar o cumprimento das vedas e evitar a acción furtiva.

 

También te puede interesar