O presidente da Xunta manifestou o seu desexo de que o comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, “estea a pensar na marxe que hai para reconsiderar a súa proposta sobre o tax lease español” e reivindicou unha solución intelixente en relación ás axudas, antes de asegurar que, “se a hai, chegarán contratos aos estaleiros privados da Ría de Vigo, pero tamén para Navantia”.
Ante as queixas de traballadores de Navantia pola ausencia dun prazo para o inicio do flotel de Pemex, Feijóo replicou que “o aliado máis claro do estaleiro é a Xunta” e revelou que mantivo unha reunión “cun armador que quere facer barcos en Navantia”, do que non deu máis datos. “Ese é o meu traballo, axudar, malia que é un estaleiro público que depende do Goberno de España”, afirmou, para engadir que, “con ou sen recoñecemento”, manterá esta actitude. Acerca de se, tras a súa reunión co citado armador, hai garantías reais de novos pedidos para Navantia, sobre a que pesa o veto á construción civil polo menos ata principios de 2015.
“Se queda solucionado o tax-lease, a resposta é rotundamente sí. Se non queda solucionado, vólvame facer a pregunta e contestareille de forma axeitada”, nunha resposta na que reiterou que lle consta que o Goberno xa remitiu os “argumentos xurídicos” esixidos por Almunia para antes da reunión da próxima semana.