A Xunta comunicou este martes a Edgewater, empresa Mineira de Corcoesto que o proxecto de explotación “non cumpre os requirimentos técnicos e económicos” para ser aprobado e que “non autoriza estes plans por non cumprir as máximas garantías de viabilidade”.
A Consellería de Economía e Industria reuniuse con representantes desta empresa, e pediulles que a empresa “acredite unha solvencia mínima do 25% de fondos propios sobre a inversión do proxecto e un compromiso en firme do resto do financiamento, así como a documentación que acredite a capacidade técnica da empresa para desenvolvelo”.
“De non se cumprir axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa súa tramitación”, avisou a consellería, que asegura que mantén a súa aposta por “unha minaría comprometida co país, innovadora e sostible”.
O Goberno galego insistiu en que está de acordo con impulsar o “aproveitamento responsable dos importantes recursos minerais cos que conta Galicia” e o “desenvolvemento sostible dun sector que emprega máis de 7.000 persoas na comunidade e que supón máis do 1,2% do PIB galego”.
Por iso, reiterou que “cada proxecto está sendo estudado pormenorizadamente” e seguindo “rigorosamente a normativa”. “Só se autorizarán aqueles que favorezan o desenvolvemento económico e o benestar dos galegos, sempre que garantan a súa viabilidade ambiental, económica e técnica”.