67.846 clientes de NCG Banco con participacións preferentes ou obrigas subordinadas das antigas caixas galegas, o 90,1% do total, obtiveron xa ou solicitaron liquidez a través das aceptacións de arbitraxe, o troco por depósitos ou a venda das súas accións ao Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), segundo informa a entidade. O resto, subliña NGB, 9,9% do total de titulares de híbridos, pasarán a ser definitivamente accionistas de NCG Banco se non venden as súas accións antes do final do proceso.
O prazo legal establecido polo FGD para comprar con diñeiro en efectivo as accións de NCG Banco expira pasadomañá e pode realizarse en calquera oficina de NCG Banco ata o venres 12 de xullo ás 2 da tarde.
NCG Banco tramita e realiza estes días as arbitraxes programadas con 11.959 clientes aos que lles foi aceptada a súa solicitude, pero que aínda non celebraron a vista arbitral. Segundo a entidade, entre as arbitraxes pendentes, 5.042 clientes xa solicitaron a liquidez do FGD, porque “non invalida nin evita a recuperación do 100% do seu investimento inicial pola vía arbitral” e garánteles unha importante proporción da mesma.
Hai 6.917 clientes pendentes de arbitraxe que non solicitaron a venda ao FGD e para os que o prazo legal de liquidez establecido conclúe tamén este venres. A venda das accións ao FGD non invalida nin a vía arbitral (xa concedida) nin a vía xudicial para quen queira exercela libremente.
Todos os clientes interesados na venda das súas accións deben acudir á súa oficina para cumprimentar a documentación, aqueles que non o fagan durante o prazo establecido serán titulares de accións de NCG Banco que actualmente non cotizan en ningún mercado.
Tendo en conta o proceso arbitral, a recuperación media de liquidez polo cliente con híbridos de NCG é do 84% do seu nominal, “a cifra máis elevada de todas as entidades con respaldo público de capital”. A porcentaxe de recuperación de liquidez ten en conta os abonos do 100% do nominal en arbitraxes, os trocos e liquidez e a diferenza neta de intereses percibidos polos clientes. Pola vía da arbitraxe, que concluirá a principios de agosto, NCG prevé resolver o 65% das reclamacións de preferentes e subordinadas presentadas.