Cultura

Descuberta unha fotografía inédita de Rosalía e un exemplar de Cantares Gallegos cun autógrafo da poeta

Fotografía de Rosalía, ao redor de 1863

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, anunciou este venres o achado dun exemplar único da primeira edición do libro ‘Cantares Gallegos’, que inclúe unha fotografía inédita da poeta, un autógrafo e unha carta de Fernán Caballero á autora.

Esta peza, de “extraordinario valor”, será exposta dentro da mostra ‘Non principio foi ou verso. Rosalía de Castro’, que organiza a Fundación Barrié de Vigo en colaboración coa Fundación Rosalía.

De feito, a localización deste libro foi posible grazas á propia mostra, dado que un dos asistentes se decatou ao visitala da importancia dun libro da súa propia biblioteca.

Tras o peche desta exposición, o 15 de setembro, o exemplar será exposto na Casa-Museo de Rosalía, despois de acometer as obras de adecuación museográfica previstas para finais deste ano. Tanto a adquisición do libro como a súa instalación na exposición foron financiadas pola Fundación Barrié.

Fernán Caballero é o pseudónimo da escritora española Cecilia Böhl de Faber, a quen Rosalía dedica Cantares Gallegos. No libro agora atopado hai unha transcrición da carta de agradecemento de Fernán Caballero a esta dedicatoria, copiada por Ramón Segade.

Pola súa banda, a fotografía incluída no libro, descoñecida ata o momento, mostra a Rosalía en torno ao ano 1863, data de publicación de Cantares Gallegos.

Segundo recordou a Fundación Rosalía, hai “moi poucos poemas autografiados” de Rosalía, e o localizado neste exemplar é o único de Cantares. En concreto, trátase dos 16 primeiros versos do poema inicial do libro, asinados por ela mesma probablemente como un regalo para o propietario. Un estudio de Anxo Angueira sinala que é “moi probable” que o propietario inicial do libro fose Ramón Segade Campoamor, un escritor e novelista galego amigo da infancia de Manuel Murguía e que tiña estreita relación con Rosalía.

 

You may also like