A portavoz do BNG no Congreso presentou unha pregunta por escrito na Cámara para preguntarlle ao Ministerio de Fomento se é certo que o ILS do aeroporto de Vigo non funcionou en días pasados por estar rodeado de maleza.
Olaia Fernández explica que o aeroporto de Vigo, “a pesar de contar desde hai anos co dispositivo ILS anti néboa, deuse o caso de que distintos avións non puideron aterrar en días pasados en condicións de néboa e foron desviados ao aeroporto compostelán”. A deputada do BNG sinala que “a explicación parece estar na existencia de maleza que rodea o dispositivo e entorpece a emisión de sinais”.
Destaca a deputada nacionalista que “algo tan simple poida ser a causa de interferencias no funcionamento do ILS” e critica que non se tivese retirado antes. “Sorprende a esta deputada que nun aeroporto como o de Vigo un simple problema de falla de mantemento provoque distorsións no funcionamento do ILS até o punto de impedir que aterren avións e teñan que ser desviados”.
Para Davila “unha infraestructura como Peinador debe contar cun servizo de mantemento óptimo posto que vai ligado a cuestións de seguridade”. Razón pola que dirixe a Fomento unha batería de preguntas: “Como explica o Ministerio que o ILS de Peinador estea rodeado de maleza? Hai problemas de mantemento no aeroporto vigués? Vanse adoptar as medidas de mellora precisas para evitar que se repitan estas sitaucións?”