A Asamblea de Traballadores de Povisa acordou ir a unha folga indefinida a partir do 19 de agosto, ademais dunha serie de mobilizacións que comezarán a partir do próximo luns.A medida foi acordada despois de que as negociacións coa empresa sobre o convenio colectivo fracasaran e pase a aplicarse o convenio provincial do sector.
Segundo os traballadores, o acordo sobre o convenio colectivo de Povisa non puido lograrse porque “existen grandes diferenzas entre a dirección e o comité de empresa en aspectos como as retribucións, a mobilidade funcional, a aplicación de xornadas flexibles e as irregularidades dos horarios”.
Ademais, indica que, a partir deste mércores pasa a aplicarse o convenio provincial do sector, o cal, segundo os seus cálculos, supón unha “perda de poder salarial gravísima”. Nese sentido, sinalan que un médico ou farmacéutico perde uns 478 € de salario ao mes e un celador, auxiliar de enfermaría ou administrativo unha media de 500 € mensuais.
Por outra banda, indica que Povisa, que ten un concerto co Sergas, que actualmente está prorrogado, percibe este ano “os mesmos presupostos do ano pasado máis o IPC, que non percibiu ningún hospital público da rede do Sergas”.
O Comité de Empresa subliña que “este conflito non só afecta ao aspecto laboral e de condicións de traballo do equipo de Povisa, senón tamén a unha poboación asignada a este centro que ten un concerto singular coa sanidade pública”.
Pola súa banda, un voceiro de Povisa defendeu a postura do centro nas negociacións e denunciou que pese a mesmas e a súa importancia, “18 dos 23 membros do Comité de Empresa colleron vacacións este mes”. Engadiu que a clínica ofreceu “garantir o 100% do salario dos traballadores actuais e foi rexeitado”; tamén se propuxo unha rebaixa dos días de libre disposición, de 21 a 4, “ e tamén dixeron que non”.
Polo que se refire ás novas incorporacións, a dirección “ofreceulles mellorar o convenio provincial tanto en salario coma en medidas sociais e tamén foi rexeitado”.