O Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra (CAAN) busca familias de adopción responsables para 10 cachorros que nos últimos días foron abandonados en Ribadumia e Nigrán e que nestes momentos están sendo atendidos por persoal do centro.
A primeira das camadas foi recollida o pasado 22 de xullo, cando membros de Protección Civil de Ribadumia (que colaboran co CAAN) levaron ata o centro de acollida seis cachorros que algún desaprensivo abandonara nunha caixa xunto a un colector de lixo. Trátase de cachorros de raza mestiza, dun mes de idade, tres machos e tres femias e que, unha vez examinados polos veterinarios do centro que os están attendendo, se comprobou que os seis se atopan en bo estado de saúde.
Ao día seguinte, persoal do CAAN procedeu a recoller a segunda das camadas, catro cachorros que apareceron en Nigrán, tras ser abandonados diante dun restaurante. Son catro cachorros machos, de raza mestiza, dun mes e medio de idade e que tamén se encontran en bo estado de saúde.
O CAAN fai un chamamento á cidadanía para promover a adopción dos animais que son abandonados; adopcións que son totalmente gratuitas para o adoptante, que recibirá os animais perfectamente identificados co correspondente microchip. Os teléfonos de contacto son os seguintes: 608 975 326/ 981 953 558