Galicia

A Xunta licita a redacción do proxecto de desdoblamento do Corredor do Morrazo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de licitar a redacción do proxecto de construción para o desdobramento do terceiro subtramo do Corredor do Morrazo, 3,85 Km desde o enlace de Meira (PK 7+300) ata o primeiro enlace de Cangas (PK 11+150 ).

A Plataforma de Contratación da Xunta vén de publicar a  licitación deste terceiro proxecto, cuxo orzamento ascende a 265.589 €, dando así cumprimento ao compromiso de ter en redacción os tres proxectos no segundo semestre de 2013.

Cómpre lembrar que a actuación correspondente ao desdobramento do Corredor do Morrazo, desde o enlace ata a AP-9 ata o enlace coa VG-4.5 – primeiro enlace de Cangas -, ten unha lonxitude aproximada de 11 km e desenvólvese pola vertente sur da Península do Morrazo.

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas ao proxecto de construción do terceiro dos tramos dispoñen de 40 días naturais, a contabilizar a partir do día de licitación, polo que o prazo rematará o 3 de setembro ás 14:00 h.

A Xunta considera “fundamental converter o corredor do Morrazo en autovía para reducir os problemas de capacidade e seguridade viaria da infraestrutura, e mellorar a estrutura territorial de comunicacións da comarca do Morrazo co eixo atlántico”.

Esta actuación “implicará definir unha vía de altas prestacións” para os máis de 13.000 vehículos diarios que circulan polo treito. Este beneficio tamén repercutirá na “redución dos tempos de percorrido, xa que co desdobramento desde o enlace de Cangas ata a Ponte de Rande, poderá aforrarse unha media dun 20% do tempo de percorrido”.

 

You may also like