Ciencia y Tecnología

Sanidade segue coa campaña de inspección das piscinas de uso comunitario

A Consellería de Sanidade lembra aos usuarios de piscinas de uso colectivo que deben ducharse cada vez que se metan na auga e ser precavidos á hora de realizar certas manobras como lanzarse de cabeza, asegurándose de que o vaso ten a suficiente profundidade e que non haxa ningunha outra persoa mergullada na mesma zona.

Os bañistas están obrigados a utilizar chancletas ou calzado especial en piscinas cubertas así como tamén se recomenda o uso de gorro de natación. Do mesmo xeito, lémbrase que non está permitido comer, beber ou fumar en zonas reservadas para o baño nin deixar desperdicios nos recintos.

Recomendacións sanitarias

A Consellería de Sanidade, a través dos departamentos territoriais correspondentes, realiza as inspeccións e análises necesarias para determinar a calidade sanitaria das instalacións e, no caso de non cumprirse os requisitos contemplados na norma, pode proceder instruíndo un expediente sancionador ou incluso á revogación da autorización do recinto.

En canto ás indicacións de mantemento da piscina, os responsables deben limpar e desinfectar periodicamente as instalacións e facer controis de cloro polo menos dúas veces ao día: pola mañá e no momento de máxima afluencia de bañistas. Ademais destas análises, deben realizarse controis mensuais da calidade da auga, dos que se extraen parámetros como a condutividade, pH e amoníaco ou a concentración de desinfectante, entre outros.

A cantidade de desinfectante da auga das piscinas non pode chegar a ser nunca irritante para os ollos, a pel e as mucosas dos bañistas e os produtos químicos que se usen teñen que estar homologados polo Ministerio de Sanidade.

A norma tamén indica que unha persoa formada en mantemento de piscinas ten que ocuparse de vixiar e manter as condicións hixiénico-sanitarias do recinto e da auga de baño. Do mesmo xeito, un socorrista debe permanecer nas instalacións durante o tempo que estean dispoñibles para o público e o lugar debe estar dotado dalgún sistema de seguridade que impida o acceso a nenos e nenas fóra do horario de apertura coa fin de evitar accidentes.

 

También te puede interesar