Vigo al minuto

Entrega de diplomas a 12 mulleres discapacitadas que fixeron prácticas en Moldes

Un grupo formado por doce mulleres con discapacidade de Vigo e arredores recolleron esta mañá os recoñecementos que certifican ter superado eficazmente un curso de formación profesional que lles impartiu a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) a través do Grupo Moldes.

As persoas encargadas en facer entrega dos recoñecementos foron a Delegada Territorial de Vigo, o Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e mailo Conselleiro Delegado de Supermercados Moldes, Francisco Moldes. Todos coincidiron durante a entrega destes recoñecementos da importancia da formación para poder lograr unha saída profesional.

Esta acción formativa, que contou cunha duración de 120 horas lectivas, das que 50 foron de prácticas en distintos supermercados da cadea Moldes, foi financiada pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Con este curso de formación, son 17 os que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten programados para este ano 2013, estando en activo un de xestión administrativa a distancia e dous máis iniciarán no mes de setembro.

O Servizo de Orientación Laboral (SIL) que COGAMI ten en Vigo dispón dunha bolsa de persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego que chega ás 4.464 persoas anotadas, destas 327 son novas persoas usuarias do servizo durante este ano.

No que vai de 2013, este servizo de formación e emprego logrou inserir no mercado laboral a 149 persoas, como exemplo, unha das alumnas que realizou este curso de caixeira de supermercado non realizou as prácticas porque atopou traballo.

O equipo formado polos orientadores laborais do SIL tamén se encarga de visitar ás empresas para captar ofertas. Durante este ano levan realizadas 24 visitas a empresas das que captaron 116 ofertas de traballo por parte do empresariado.

 

También te puede interesar