Galicia

Os sindicatos denuncian que a Xunta está acabando co servizo público de loita contra os incendios

CC.OO., CIG, CSIF e UGT veñen de denunciar que  a Consellería de Medio Rural está a “desfacer progresivamente” o servizo público en defensa contra incendios forestais, motivo polo que convocan unha concentración, este venres, 23 de agosto, ante a delegación da Xunta en Ourense, ás 11 e media da mañá.

Os sindicatos aseguran que “aínda están sin cubrir case todas as vacantes” neste servizo e sinalan que existen casos de brigadas que terían que ter sete compoñentes e nas que só hai tres ou catro, polo que “a maioría dos días” traballan un ou dous brigadistas. Ao respecto, censuran “a manipulación dos datos”, xa que, afirman, Medio Rural refírese ao número de brigadas “pero non fai mención ao número de traballadores por brigada”.

As organizacións rexeitan que a contratación de reforzo do verán se faga “a través dos concellos ou de calquera empresa privada” e defenden que se realice mediante as listas do decreto da Xunta, “onde se valora a igualdade o mérito e a capacidade. Defendemos e defenderemos a creación dun man único, como o instrumento máis eficaz e eficiente de loita contra os incendios forestais”, subliñan.

Ademais, advirten da “temeridade” que supón que as brigadas municipais desbrocen con valores altos ou extremos do IRDI  – índice de risco de incendios -, polo risco de provocar un lume. A isto engaden que o tempo de reacción destas cuadrillas é “moitísimo maior, xa que se están desbrozando teñen que ir deixar as rozadoras, cambiar o equipo de protección individual, que non é igual para a extinción, e saír para a alarma”.

 

 

También te puede interesar