O Xulgado do Social número 5 de Vigo estimou a primeira das demandas sindicais presentadas contra a imposición do convenio provincial no hospital Povisa e obriga a empresa a suspender a aplicación do devandito marco laboral para retornar ao convenio propio que tiña o centro, en cumprimento da cláusula de ultraactividade. Os empregados, que coñeceron a sentenza mentres participaban nun mercadiño solidario, decidiron en asamblea suspender a folga – iniciada o día 19 – e volver ao traballo o vindeiro domingo ás 10 da noite, cando se inicie o turno de noite.
O fallo xudicial establece que Povisa non poderá aplicar un novo marco laboral que supoñía, segundo as denuncias do comité, un recorte salarial medio do 40% e que estaba en vigor dende o pasado 24 de xullo. De feito, algúns empregado xa recibiron as nóminas de xullo nas que, con só unha semana de aplicación dese convenio, se implementan recortes de entre 150 e 180 €.
Deste xeito, os traballadores sufrirían rebaixas de entre 600 e 720 € ao mes no caso de que continuase vixente a aplicación do convenio provincial.