Deportes Vigo al minuto

Carrilanas, no Freixo, este sábado

Fotografía:freixo.net

O vindeiro 7 de Setembro de 2013 celebrarase no barrio de Freixo a XV Baixada de Carros de Bolas, unha exhibición de velocidade e pericia dos pilotos organizada pola Asociación Cultural Peña Freixo. Neste evento mostrase o traballo dos participantes para percorrer o trazado da proba no menor tempo posible ou nalgúns casos chegar ata o final do circuíto.  A Baixada percorre a boa parte do barrio de Freixo, cun percorrido de 800 metros e un desnivel de 100 metros de altura.

Nos seus inicios a Baixada era un proba máis das cucañas das festas de San Xoán que se levaba a cabo na contorna do torreiro da festa, pero no ano 1995 os membros da Peña Freixo decidiron organizala como un evento diferenciado, ampliando a distancia percorrida, como un medio para recadar cartos para o financiamento do festival de música Freixo Rock. Co paso dos anos a Baixada gañou o seu propio lugar nos eventos do barrio, desvinculándose da celebración do Freixo Rock.

Entre os vehículos que participan pódense atopar dende carrilanas feitas na noite anterior seguindo un deseño moi sinxelo  – un táboa con dous eixos -, ata autenticas obras de enxeñaría que coidan todos os detalles de aerodinámica, distribución de pesos e aspecto dos bólidos, incluíndo carros que participan nos campionatos galego e español. Así mesmo os carros poden ser dun so piloto ou grandes vehículos con ata oito condutores. O número de carros participantes soe estar en torno aos 50, pero nalgunha edición chegamos a preto da centena.

Actualmente a Baixada atrae unha grande cantidade de xente ao noso barrio, tanto de espectadores coma pilotos. Os pilotos abranguen xente de todas as idades, dende nenos de 12 anos ata maiores con ata 60 anos, e de procedencia maioritariamente da provincia de Pontevedra, “pero tamén temos participantes ocasionais doutros lugares”, indican dende a organización.  O elevado número de público asistente tende a acumularse nas curvas e pendentes máis pronunciadas do circuíto animados pola alta velocidade das carrilanas e pola espectacularidade das manobras e trompos que os pilotos realizan para salvar os obstáculos que se presentan no percorrido.

Este ano, como novidade, tamén é posible inscribirse na Baixada por Internet en http://carrilanas.freixo.net/inscricion, ademáis podedes atopar máis información na web da proba http://carrilanas.freixo.net, ou tamén contactar cos organizadores no correo electrónico [email protected].

 

También te puede interesar