O portal da Xunta www.xunta.es vén de poñer á disposición da cidadanía unha nova aplicación, “Servizos no mapa”, que facilita a localización dos equipamentos e servizos da Administración pública – culturais, educativos, sanitarios – tanto autonómica coma estatal e local. O acceso a “Servizos no mapa” está dispoñible no portal corporativo, en Espazo e! ou na ruta http://www.xunta.es/servizos-no-mapa.
“Servizos no mapa” dispón de máis de 4.300 recursos xeorrefenciados, aos que se irán incorporando progresivamente novos tipos de servizos, co obxectivo de converterse nunha guía de referencia para coñecer os datos de contacto e localización destes no territorio. Esta aplicación permite localizar de xeito sinxelo os distintos servizos realizando buscas por palabras, provincias e concellos, tipos de servizos e temáticas destes.
O mapa pode visualizarse de forma reducida ou ampliada. Ademais, para cada tipo de servizo, dispón de iconas específicas sobre as que se pode premer para consultar os datos relacionados con cada recurso – enderezo, teléfono, correo electrónico, páxina web, horario -.
Servizos dispoñibles e próximas incorporacións
A día de hoxe “Servizos no mapa” ofrece información a localización detallada e os datos de contacto dos Centros Educativos; Farmacias; Centros de saúde; de Hospitais e centros de especialidades; a Rede de arquivos de Galicia; da Rede de Aulas da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), da Rede de Bibliotecas de Galicia; das Oficinas de Rexistro e Información da Xunta de Galicia; dos Museos e coleccións visitables do Sistema Galego de Museos; das Oficinas de turismo; dos Centros de Información á Muller e das Oficinas do Instituto Galego de Consumo.
Entre os novos recursos que se facilitarán proximamente a través desta a aplicación, están as oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, os puntos limpos do Sistema de Información de Residuos de Galicia, as estacións de autobuses, os centros de día ou as escolas infantís.