O comité de empresa de Povisa de Vigo compareceu este luns en rolda de prensa para anunciar que retomará as mobilizacións tras “os incumprimentos da dirección e a súa negativa a negociar un novo convenio colectivo”. Os representantes sindicais denuncian que responsábeis do centro médico privado “están a presionar os empregados, especialmente aos que decidiron secundar a folga convocada recentemente para rexeitar a imposición do convenio provincial.”
A decisión de retomar as protestas diante do hospital cada xoves ás 4 da tarde -unha vez rematada a asemblea informativa que tamén levarán a cabo semanalmente- adoptouse despois de que rematase a data fixada pola empresa para sentarse a negociar o novo convenio. “Quedamos en que nos reuniríamos antes do día 15 pero agora din que non”, critican.
Os sindicatos denuncian que “a directora de Enfermería está a chamar as traballadores de xeito individual para asegurarlles que pase o que pase co recurso xudicial á sentenza que lle dá a razón aos empregados non van volver á xornada laboral de 40 horas semanais e pídelles que asinen por 35 horas”, indican. Como consecuencia, 102 persoas xa viron reducida a súa xornada laboral no centro médico.
Ademais das concentracións semanais diante do hospital, os traballadores organizarán unha romaría solidario no parque de Castrelos o o vindeiro sábado 5 de outubro. A iniciativa, que se desenvolverá ao longo do día, incluirá xogos populares e actuacións musicais e con ela preténdese recadar fondos para Afan e para os propios empregados que participaron na folga. Tamén haberá comida e recolleranse alimentos para Afan.