Ciencia y Tecnología

Punset, en Lugo este xoves…e se non podes asistir, en streaming na web da Deputación

Enmarcado no proxecto “Innovate 2 Empresa: Lugo Innova” vanse realizar tres eventos con personalidades ilustres do ámbito empresarial e da innovación a nivel nacional. E o encargado en inaugurar será un relator de excepción, Eduardo Punset, coa conferencia “Os desafíos do futuro”. Apunta a cita: o xoves día 26 de setembro de 2013 ás 7 da tarde no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

A conferencia, é gratuíta e aberta ao público que deberá inscribirse con anterioridade a través da páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org, a partir deste luns. Seguirase unha rigurosa orde de inscrición, enchendo en primeiro lugar o Salón de Actos, onde falará Punset, e a continuación o Salón de Plenos, onde poderán seguir a charla mediante pantallas. Cando remate o acto, o autor tamén asinará exemplares do seu último libro, “El sueño de Alicia”.

Ao mesmo tempo, para quen non poida asistir ao Pazo de San Marcos, a charla de Punset será retransmitida en streaming a través da páxina da Deputación, grazas á Fundación TIC que se encargará de toda a instalación técnica.

A iniciativa enmárcase dentro do programa InnovaTE-2 empresa que está a executar a institución provincial. Este programa comprende varias accións para animar as empresas lucenses a empregar as Tecnoloxías da Comunicación para mellorar os seus negocios. Innova-TE2 implica á toda a cidadanía no coñecemento das posibilidades das novas tecnoloxías, polo que o programa comprende tamén tres relatorios con persoas de recoñecido prestixio no ámbito da innovación. Punset explicará, na súa intervención, como as empresas deben afrontar unha nova situación na que se abren novas posibilidades de negocio.

 

También te puede interesar