A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público celebrará este sábado, día 28, unha grande marcha Compostela contra a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) e os recortes na educación pública.
Segundo adiantou en rolda de prensa o secretario nacional da CIG-Ensino, a marcha partirá de catro puntos aos arredores da cidade para chegar ao mediodía á Pratarías, onde se celebrará o acto final.
Anxo Louzao fixo un chamamento ao profesorado para que secunde a folga xeral educativa convocada para o próximo 24 de outubro, data na que celebrarán manifestacións nas sete principais cidades galegas e noutros concellos como Cee, Carballo, Viveiro, Vilagarcía ou Lalín. Louzao subliñou a necesidade de “manter a presión fronte a unha proposta de lei nociva” e seguir na “loita permanente contra esta norma letal” e “prexudicial dende todos os puntos de vista do sistema educativo galego e público”.
Mónica Martínez de ‘Os Comités’, presente na rolda de prensa, sinalou que hai “motivos abondos para seguir participando nas protestas” e realizou un chamamento a que os estudantes “saian á rúa” e participen en todos os actos convocados, dado que se trata dunha reforma educativa “que lles afecta de xeito directo e xoga co ensino”.