Comarcas

A Deputación inviste 2 millóns en servizos sociais aos 53 concellos de menos de 20.000 habitantes de Pontevedra

Louzán con varios alcaldes da provincia (Arquivo)

A Deputación de Pontevedra destinará  2 millóns de euros para o financiamento de servizos sociais básicos nos concellos de menos de 20.000 habitantes. O presidente do organismo provincial asinou, este xoves, os convenios cos representantes dos 53 concellos da provincia que cumpren con este requisito.

Tras a rúbrica dos acordos, as Casas do Concello “recibirán de forma inmediata” un adianto do 35% da cantidade que lle corresponde a cada un e unha vez remitida a documentación xustificativa correspondente recibirán o montante restante.

Rafael Louzán subliñou que se trata de “facilitarlle aos municipios o financiamento necesario para que poidan manter unha atención social axeitada e contar cos recursos humanos especializados necesarios”.

A achega da Deputación inclúe o servizo de atención no fogar, co que se facilita que persoas maiores con certo grao de dependencia ou con necesidades especiais de apoio poidan seguir residindo no seu fogar, poténciase a súa autonomía persoal e prevéñense situacións de dependencia e exclusión social, mellorando a súa calidade de vida.

Así mesmo, finánciase o persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfil complementario ao do traballador social, para que os concellos dispoñan dun servizo dimensionar e axeitado ás necesidades concretas da súa poboación, e o persoal de servizos sociais comunitarios especializados nalgúns concellos que teñen en marcha programas específicos ou centros municipais especializados.

 

También te puede interesar