SOS Sanidade Pública asegura nunha nota, feita pública ante a decisión da Xunta de aumentar os impostos das gasolinas para pagar a Sanidade – o famoso ‘céntimo sanitario’- que “a mellora do financiamento sanitario debe de facerse con impostos progresivos que aseguren unha maior recadación de quen máis ten e non con taxas ao consumo que afondan na desigualdade entre persoas”.
En opición desta asociación “é necesario aumentar os fondos destinados á sanidade pública, pero é evidente de que este tipo de imposto sobre o consumo ten o efecto de afondar na desigualdade, pois penaliza igualmente as persoas con poucos recursos económicos que aos que os teñen moi elevados”. Para SOS Sanidade Pública, “chama a atención que o Goberno galego pretenda subir impostos de forma indiscriminada mentres mantén sen tocar algúns outros como os de patrimonio, sucesións ou o imposto sobre sociedades que se teñen carácter progresivo”, considerou.
Así mesmo, a plataforma subliña en que o imposto sobre carburantes “non ten un carácter finalista” e “a súa suba supón maiores ingresos que a Xunta pode utilizar con fins moi distintos aos sanitarios. É unha escusa para aumentar a presión fiscal sen mellorar o financiamento sanitario”, criticou.