Os orzamentos da Xunta para 2014 sitúase en 8.391 millóns de euros- 89 millóns menos que o de 2013-e o mesmo destinará, segundo salientou este venres o presidente Feijóo, o 80% a gasto social.
O Consello do Goberno galego aprobou hoxe o anteproxecto de lei de presupostos, que non esgota o teito máximo aprobado polo Parlamento, fixado en 8.456 millóns, situando o gasto non financeiro en niveis similares aos de 2006.
As contas para o exercicio próximo elaboráronse con “responsabilidade e realismo”, subliñou Feijóo na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo, na que fixou como obxectivos principais lograr que a economía empece a crecer e o paro a baixar. O presidente sinalou que o peso do gasto social “nunca foi tan amplo en Galicia” e se incrementou en 10 puntos dende 2009, cando estaba preto do 70% dos orzamentos. Ademais, Feijóo manifestou a súa confianza en que a recuperación económica “se iniciará en 2014, de xeito tenue pero marcando un cambio de ritmo da economía galega”.
Pola súa banda, a conselleira de Facenda destacou que as contas teñen “dúas prioridades: as persoas que máis o necesitan e encarar o inicio da recuperación económica”. Estes presupostos, asegurou, “garanten a solvencia” e o cumprimento do déficit, “blindan a prestación de servizos públicos esenciais”, atenden ás “persoas que máis o necesitan, achegan progresividade coas medidas fiscais introducidas e priorizar as partidas destinadas ao crecemento económico.
Ao seu xuizo, 2014 será o primeiro ano no que a Galicia rexistre un crecemento da economía dende o inicio da crise, cun incremento do 0,8% do Produto Interior Bruto e que a taxa de paro se reduza en medio punto, ata situarse no 21,7%, fronte ao 22,2% calculado para o fin deste ano.