O Centro de Atención ás Emerxencias 112-Galicia rexistrou entre as 7 da tarde destye luns e as 7 da mañán de hoxe, un total de 1.755 chamadas, das cales 278 foron incidencias relacionadas co temporal costeiro e de vento e choiva que afecta a Galicia.
As provincias atlánticas condensaron máis do 90% das intervencións. Concretamente, na Coruña producíronse o 51% dos incidentes, en Pontevedra o 41%, 5% en Ourense e o 3% restante en Lugo.
A maior parte das incidencias estiveron relacionadas con pólas de árbores caídas (108); anegamentos en vivendas (26) e estradas (25), así como a retirada de pedras e terra da nas estradas (25) e anegamentos en rúas.
Entre as incidencias máis destacadas atopase o desbordamento do río Obre na zona de Catro Camiños na saída de Noia a Padrón e o derrubamento en Cangas do teito dun edificio en obras, que afectou a dous coches polos cascotes.
Ademais, no concello de Valga cortouse unha estrada secundaria e dous pasos subterráneos por mor do desbordamento do río. Desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas destacan que non houbo incidentes de transcendencia e que as estradas e embalses funcionan con normalidade.
Este mesmo martes pola mañá, a Dirección Xeral de Emerxencias informou do remate dos fenómenos meteorolóxicos adversos en terra e costeiros para Galicia, quedando en nivel amarelo. De todos xeitos, aconséllase consultar a páxina web do Centro de Atención ás Emerxencias-112 Galicia –www.112galicia.org -, que conta con información meteorolóxica, recomendacións e con enlaces de interese.