David Fernández Calviño, deputado de Alternativa Galega de Esquerda por Ourense no Parlamento de Galicia, ven de comunicar a Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE, que deixa a política para voltar á súa carreira coma investigador nun proxecto en Copenhague.
Nado en Toén en 1979, Fernández Calviño é doutor en Inxenería de Montes, foi o único deputado que acedeu ao seu escano dende a cola da Oficina de Emprego. Antes, estivo sete anos dando clases na Universidade, con contratos predoutoral e doutoral.
Segundo subliñou Beiras, o deputado ourensán informoulle xa en febreiro pasado de que tiña a posibilidade de que o selecionaran para este proxecto, como así foi.
Con toda seguridade, o escano que deixa libre será para Iolanda Pérez Docampo, número 3 de AGE na candidatura que a coalición presentou por Ourense nas eleccións de hai un ano.