Galicia

89.200 fogares galegos teñen a todos os seus membros en paro, preto dun 11% máis que hai un ano

O número de fogares galegos que teñen a todos os seus membros en paro situouse en 89.200 no terceiro trimestre do ano, o que supón un descenso do 2,2% en relación aos meses de abril a xuño, pero un aumento do 10,9% en relación a hai un ano.

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) proporcionados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), os fogares con polo menos un activo e nos que todos os membros están en paro pasaron de 91.200 no segundo trimestre a 89.200 no terceiro. Por provincias, en A Coruña son 34.900 os fogares con todas as persoas en paro; en Pontevedra son 34.200; en Ourense, 11.700; e en Lugo, 8.400.

Ademais, os datos da EPA mostran que hai 31.400 fogares nos que ningún dos membros ten ingresos, unha cifra que representa un ascenso do 1,6% en relación ao segundo trimestre do ano.

En canto á situación dos mozos, a taxa de paro dos menores de 25 anos sitúase ao peche do terceiro trimestre no 47,9% -fronte ao 51,7% do trimestre anterior- ; entre as mulleres a cifra é do 45,4% e entre os homes ascende o 50%.

Os datos dispoñibles no IGE mostran que a taxa de actividade se incrementou ata o 38%  -era a 34,5% no segundo trimestre -, mentres que a de ocupación é do 19,8%.

Se se amplía a franxa de idade ata os 30 anos, a taxa de paro en Galicia é do 36,7% e a porcentaxe volve ser superior entre os homes (38,4%) que entre as mulleres (34,9%).

De entre os sete maiores concellos de Galicia o que rexistra unha maior taxa de paro no terceiro trimestre é o de Ferrol, cun 28%  -fronte ao 33,3% do segundo trimestre -; en Pontevedra a porcentaxe sitúase no 26,7%, o que supón que aumentou 5,7 puntos respecto ao rexistrado entre abril e xuño.

Tamén en Ourense se incrementou a taxa de paro no terceiro trimestre, ata situarse no 24,9% -era a 23,3% no trimestre anterior-; en Vigo, os parados representan o 23,8%  -unha porcentaxe que é 2,3 puntos inferior ao do segundo trimestre -. Tanto en A Coruña como en Santiago a taxa se situou no 18,9% entre xullo e setembro. No caso da capital coruñesa hai un incremento de máis dun 2% -o trimestre anterior era do era do 16,5% no segundo trimestre-.

Por último, a taxa máis baixa entre as principais cidades galegas rexístraa Lugo, cun 18,6% de paro, unha cifra que representa unha caída de 2,7% respecto á do trimestre anterior.

 

También te puede interesar