Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

A ría de Vigo, ameazada pola contaminación por cobre

Duvi/ Durante moito tempo a contaminación da auga estudábase analizando unha longa serie de substancias, algo imposible de abarcar cando cada ano se crean 2000 mesturas químicas sintéticas novas. A investigadora Iria Durán aglutinou na súa tese de doutoramento toda unha serie de metodoloxías de vangarda coas que non só testar a calidade da auga, senón tamén dotar aos xestores do medio mariño de ferramentas para avaliar o grao de contaminación e conseguir facelo a través dunha linguaxe accesible tanto para as autoridades ambientais como para o público en xeral.

Coa súa investigación, Durán logrou resultados que permiten traducir os estudos de contaminación a unha sinxela escala de cores establecida pola Directiva Marco de Augas para todas as masas acuáticas europeas (continentais e costeiras), unha norma que ten como ambicioso obxectivo lograr o “bo estado ecolóxico” de todas as augas en 2015. “Varias ferramentas da investigación están pensadas para facilitar a labor dos xestores á hora de interpretar os resultados do estudo de contaminación dunha zona costeira, polo que será de grande utilidade para os encargados de implantar as directivas europeas de augas e de estratexia mariña”, asegura a licenciada en Ciencias do Mar.

As normativas, inapropiadas

Para levar a cabo a investigación, Durán recolleu mostras ao longo de toda a costa norte española, desde o Golfo de Biscaia ata as Rías Baixas, facendo especial fincapé nos portos vascos de Bilbao e de Pasaia e nas rías galegas de Vigo e Pontevedra. Os resultados? Descubrir un “enriquecemento principalmente de cobre e zinc nas augas da ría de Vigo” e que, baseándose na toxicidade destes metais, as normativas de control actuais “non proporcionan un grao axeitado de protección ás especies mariñas, incluíndo algunhas de gran relevancia económica como o mexillón”.

Foron seis anos de traballo nos que Durán empregou unha ampla variedade metodolóxica para “poder proporcionar un enfoque integrado da contaminación por metais nas augas costeiras” e cos que conseguiu obter e deseñar “ferramentas axeitadas para a xestión de ecosistemas costeiros, un método de integración de toda a información que agrupe as estacións en función do seu estado, criterios de calidade das augas e principios de avaliación para o bioensaio do ourizo de mar”. Para este estudo, Durán tamén empregou os datos de toxicidade de metais para distintos organismos mariños e a base de datos xerada a partir do traballo de todo o grupo de investigación en Ecotoxicoloxía Mariña durante a última década.

sdasd

También te puede interesar