A sentenza pola catástrofe marítima do ‘Prestige’ coñecerase o próximo 13 de novembro, 11 anos despois do sinistro e case catro meses despois de que concluíse o xuízo, segundo informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), onde terá lugar a lectura do fallo.
A sala,presidida polo maxistrado da Audiencia Provincial de A Coruña Juan Luís Pía, escolleu para dar a coñecer o fallo o mesmo día no que se produciu o sinistro, que provocou unha marea negra de petróleo que alcanzou ás costas de Galicia.
Ese día, coñeceranse as penas contra tres dos catro acusados, o capitán do ‘Prestige’, Apostolos Mangouras; o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos, e o exdirector xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors. O cuarto acusado, o primeiro oficial, Ireneo Maloto, non chegou a ser xulgado, nunha vista que se prolongou durante nove meses, ao atoparse en paradoiro descoñecido.
Todos eles se enfrontan a penas de cárcere que oscilan entre os 5 e os 12 anos por delitos contra os recursos naturais e o medioambiente. A maior pena foi solicitada pola Fiscalía para Mangouras aindq que, na lectura das súas conclusións definitivas, reclamou que o capitán do ‘Prestige’, de 78 anos, non ingresase en prisión, onde estivo durante tres meses de xeito preventivo.
No proceso, figuran, como responsables civís directos, a aseguradora The London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited e o Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos á Contaminación por Hidrocarburos (Fidac).
Como responsables civís subsidiarios as entidades Mare Shipping Inc, Universe Maritime LTD e o Estado Español. En concepto de responsabilidade civil, o Ministerio Público reclama 4.328 millóns de euros de indemnizacións polos danos derivados da marea negra.
O 13 de novembro de 2002 o petroleiro, con 27 tripulantes, atopábase navegando a unhas 28 millas de Fisterra con 77.000 toneladas de fuel, das que verqueu máis de 60.000 toneladas, provocando un dos maiores sinistros marítimos da historia.
Cando se coñeceu que o barco estaba botando petróleo ao mar, o Goberno español optou por afastar da costa o barco, que estivo escoltado pola Armada e ao que se prohibiu atracar en calquera porto español. Finalmente, o 19 de novembro de 2002, o ‘Prestige’ afundiuse.
Nin un so dos máximos responsables políticos que xestionaron aquela situación responderán polas súas decisións. Ao contrario: todos eles ascenderon na súa carreira política e, máis dunha década despois de que o chapapote chegase ás praias, dirixen as máis altas instancias do Estado.
Novas relacionadas: O capitán do ‘Prestige’ culpa ás autoridades marítimas de tomar decisións equivocadas. O capitán do ‘Prestige’ viu ferruxe no tanque de petróleo e a armadora sabiao. Mangouras, “estabilizamos o barco para levalo a porto, non a alta mar”. O capitán do ‘Prestige’ teima, “alonxar o barco foi a peor das decisións posibles”. López Sors, “ordenei alonxar o ‘Prestige’ porque pareceume mellos que se afundise lonxde da costa”.López Sors, “sabiamos que a mar iría lavando o fuel”.O director xeral da mariña mercante repite que o desastre do ‘Prestige’ foi culpa do seu capitán.O ex capitán marítimo de A Coruña di que hoxe faría o mesmo que cando afundiuse o barco en 2002. Un directivo da empresa de rescate do ‘Prestige’ declara que Fernández de Mesa insistiu en que o barco se alonxase da costa. Fernández de Mesa, “eu non tiña capacidade para decidir nada durante a catástrofe do ‘Prestige'”. Álvarez Cascos, “a xestión do ‘Prestige’ foi a máis axeitada”. Un perito cre que alonxar o buque triplicou os danos. “O Goberno actuou co ‘Prestige’ coma unha avestruz que mete a cabeza na area”.Segundo un perito, o ‘Prestige’ foi golpeado por unha ‘onda brutal’.