Milleiros de personas de todas as idades- dende meniños, pasando por rapaces e vellos- beraron este domingo en Vigo “Nunca Maís!” para amosar o seu disgusto e o seu rexeitamento á sentenza do ‘Prestige’ que deixou sen responsable algún o desastre natural que sufriu Galicia hai máis de 11 anos.
Convocados pola Plataforma Nunca Máis, os manifestantes berraron contra a decisión dos xuices, pediron a demisión do presidente Feijóo e do xefe do Goberno español, Mariano Rajoy e esixiron que, ademáis das responsabilidades xurídicas, haxa unha asunción da culpabilidade política.
A manifestación, que saíu pasadas as 12 da Praza de España, baixou por Gran Vía en medio de bandeiras de Galicia, republicanas, de Nunca Maís e ao son das gaitas e dunha ‘batucada’ ante a mirada dos peóns e daqueles que se achegaron a El Corte Inglés que hoxe abriu as súas portas.

Antes de empezar a mobilización, os voceiros da plataforma afirmaron que “Galicia rebelouse e volve adecir que non cabe impunidade” ante unha marea negra que “ten os seus responsables nos que tiñan responsabilidades directas nese buque que navegaba fronte ás costas galegas”.
“Hai responsables da armadora, da aseguradora, da sociedade de clasificación, pero tamén hai responsabilidades políticas por parte de quen ocupaba en aquel momento labores de goberno, tanto no Executivo estatal como por parte da Xunta”, aseguraron.

Neste sentido, lembraron que a plataforma Nunca Máis presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo e “seguirá todas as vías xurídicas necesarias para que os responsables non queden impunes. Chegaremos a Estrasburgo, chegaremos aos tribunais europeos a buscar a xustiza que hoxe non nos dá o Estado español”.