Segundo os datos da Direción Xeral de Tráfico (DGT), a sinestralidade viaria en Galicia aumentou un 27,3% por cento o mes de novembro, con respecto ao mesmo período de 2012, ao rexistrarse 14 falecidos en 11 accidentes de tráfico, o que supón tres vítimas máis que o ano pasado.
O mes pasado aumentou un 233% o número de vítimas na rede viaria na provincia da Coruña – de tres en tres sinistros en 2012 a 10 o mes pasado -; en Pontevedra baixou un 100% -dun falecido en novembro do ano pasado a ningún este-; un 50% en Lugo –de catro a dous mortos- e un 33% en Ourense – de 3 vítimas a 2-.
En canto ás idades das vítimas mortais rexistradas o pasado novembro, catro delas eran menores de 25 anos, cinco falecidos tiñan máis de 65 anos, e as outras cinco situábanse entre os 36 e 65 anos.
No que vai de ano perderon a vida nas estradas galegas 86 persoas en 74 accidentes de tráfico, o que supón un 23,2% menos que no mesmo período de 2012, cando faleceron 112 persoas en 106 sinistros.
O maior descenso rexistrouse na provincia de Lugo, un -66,7%, ao pasar de 24 a 8 vítimas mortais; seguida de Pontevedra, un -45,7%, de 35 a 19 falecidos; e Ourense, cunha caída do 23,1%, de 13 a 10 mortos. Pola contra, na Coruña subiu un 22,5%, de 40 a 49.
En total, a cifra de accidentes mortais en Galicia descendeu nun 30,2% entre xaneiro e novembro, de 106 sinistros contabilizados no mesmo período de 2012 a 74 en once meses de 2013. A maior caída correspondeu a Lugo, -66,7%, de 21 a 7; seguido de Pontevedra (-44,1%), de 34 a 19; e Ourense (-30,8%), de 13 a 9. Por contra, na Coruña aumentou un 2,6%, de 38 a 39.