Como adianto da Folga Xeral no Servizo Galego de Saúde (Sergas), convocada pola CIG-Saúde e outros sindicatos, este xoves vari@s facultativos fixeron unha denuncia “da realidade de que a Xunta está a privatizar a sanidade pública”, tomando a tensión na rúa Príncipe.
Con esta iniciativa salientaron que “o goberno galego non quere unha sanidade pública, gratuita e de calidade, senon que aposta por un negocio con cadros de personal precarios, menos cobertura para a cidadanía e menor gasto”.
Como xa fixeran os convocantes do paro, @s facultativ@s chamaron á cidadanía a sumarse á protesta contra a “privatización, os copagamentos e os recortes laborais e salariais na sanidade pública” que , salientaron “poñen en perigo a súa continuidade e poden conducir á súa desaparición”.
A folga desenvolverase os días 8, 9 e 10 deste mes, iniciándose ás 10 da noite do día 8 de decembro e finalizando á mesma hora o día 10.
A secretaria nacional de CIG-Saúde defendeu que, aínda existindo cuestións de carácter laboral na convocatoria, a “maioría das razóns polas que se convoca a folga xeral son de carácter social” fronte á política de “privatización” emprendida pola Xunta e o Goberno do Estado.
María Xosé Abuín denunciou a “implantación das medidas de repagamento” e os pasos dados cara á “privatización” por parte das dúas administracións e sibliñou a necesidade de que a sociedade se sume a unha folga contra decisións que “poñen en risco” a sanidade.