Alberto Núñez Feijóo, reúnese este sábado co presidente de Cuba, Raúl Castro, no marco da visita institucional que o dirixente galego realiza a illa. Ainda que na axenda de Feijóo non figuraba un encontro co presidente do Consello de Estado de Cuba, finalmente convocouse nas últimas horas unha reunión entre ambos os dous dirixentes que se celebraba sobre as 6 e media da tarde, hora galega.
Hoxe, o presidente galego tiña programado en La Habana unha ofrenda floral en memoria dos galegos falecidos na República de Cuba, unha visita a un centro de rehabilitación integral do mal do Alzheimer e unha reunión co arcebispo de Santiago e presidente da Conferencia Episcopal de Cuba, Monseñor Dionisio García Ibáñez.
Este encontro con Raúl Castro chega despois de que o venres Núñez Feijóo se reunise co primeiro vicepresidente cubano, Miguel Díaz-Canel Bermúdez, quen valorou que a visita do mandatario “cun grupo de empresarios galegos abre oportunidades de inversión en Cuba”.
Na illa, hai case 40.000 residentes galegos, e durante esta viaxe a terra cubanas do presidente Feijóo as 38 entidades galegas presentes en Cuba asinaron un acordo de unión.
“O pobo cubano ten amosado a súa capacidade para avanzar en moitos momentos da súa historia e tanto España en xeral, como Galicia en concreto, temos unha gran confianza en que o siga facendo no futuro”, asegurou Feijóo, quen animou ás autoridades cubanas a continuar o proceso de actualización que teñen anunciado nos últimos anos.
Nesa liña, trasladou que os lazos históricos que unen a Galicia con Cuba fan que “dende logo a Comunidade galega non se sente allea ao futuro da illa, nin hoxe nin nunca”. Segundo subliñou, “entre Galicia e Cuba hai unha ponte invisible construída pola emigración” e tendeu a man ao pobo cubano a aproveitala.
Ese é, en palabras de Feijóo, o desexo dos miles de galegos que residen en Cuba, e cos que tivo a oportunidade de atoparse en varias ocasións ao longo dos últimos días na que foi a súa primeira visita institucional a Cuba dende que fora elixido.
“Era unha materia pendente visitar aos galegos de Cuba e síntome satisfeito de tela saldado”, dixo como conclusión, e engadiu que a situación dos emigrantes nese país ten sido o principal asunto que centrou as súas reunións tanto con Raúl Castro como co resto de membros do Goberno cubano cos que se atopou neste días.
“A miña petición principal ás autoridades de Cuba é que sexan sensibles aos problemas da colectividade e receptiva ás necesidades das sociedades que a representan”, resumiu, e amosouse convencido de que a unión das 38 sociedades galegas na Habana materializada esta semana servirá para que a súa voz se escoite con máis forza. De acordo coas previsións relativas ao desenvolvemento da normativa española sobre nacionalidade, a cifra dos 38.500 galegos presentes en Cuba incrementarase no futuro facendo que o peso da emigración sexa cada vez maior.