Galicia

Un morto e 93 feridos nas estradas galegas na ponte da Constitución

O 061 asistiu a 93 persoas debido a 73 accidentes de tráfico rexistrados na rede viaria galega durante a ponte da Constitución, das que unha faleceu. A Central de Coordinación recibiu 89 chamadas dende as 3 da tarde do xoves, día 5, e as 12 da noite deste luns, en relación con accidentes nas estradas galegas. O maior número de atencións por sinistros rexistrouse o venres, con 21 incidentes.

Os recursos sanitarios mobilizados ascenderon a 109. En concreto, as ambulancias medicalizadas realizaron nove saídas; as asistenciais, 85; e as convencionais, oito, mentres que os médicos de Atención Primaria prestaron asistencia en sete ocasións.

En 77 casos os feridos foron levados aos centros hospitalarios correspondentes, nove a centros de Atención Primaria e en seis casos recibiron asistencia no lugar do incidente sen necesitar traslado e unha persoa faleceu no punto do accidente.

A proporción de homes atendida foi do 54% e a de mulleres do 46%. En canto ás idades dos feridos, un 35% dos asistidos tiña entre os 20 e 34 anos.

A Coruña, con 28 accidentes, foi a provincia que rexistrou máis accidentes durante os desprazamentos da ponte festiva; seguida de Pontevedra, con 27; Lugo, 10; e Ourense, oito.

 

También te puede interesar