Comarcas

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG, fala o domingo en As Neves sobre reforma local e sancións a emigrantes retornados

O voceiro nacional do Bloque Nacionalista Galego, Xavier Vence, a responsable de política Municipal do BNG, Goretti Sanmartin, e o voceiro municipal do Bloque en As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, falarán o vindeiro domingo, día 22, no Auditorio Municipal de este concello (12 h.) sobre a Reforma Local e o Sistema de Pensións de Emigrantes Retornados.

Dende hai semanas, o BNG leva a cabo unha campaña de explicación das consecuencias da Reforma da Administración Local que impulsa o Goberno que, advirten os nacionalistas, vai reforzar as institucións provinciais “que son as menos democráticas, xa que non as elixen directamente os cidadáns”, e que implicará a privatización dos servizos que prestan os concellos “reducindo o benestar para beneficiar as contas de explotación de empresas privadas en perxuizo dos veciños, que pagarán máis por recibir moitísimo menos”.

Polo que se refire ao Sistema de Pensións dos Emigrantes Retornados, Xosé Manuel Rodríguez, como concelleiro de As Neves, un concello no que viven moitos veciños que volveron logo de traballar en Francia, Suiza, Belxica ou Alemaña, e que cobran unha pensión daqueles países, rexeita os requerimentos que están recibindo da Axencia Tributaria para que acrediten as cantidades recibidas como paga de xubilación dende 2008 para que procedan á súa ‘regularización’ na declaración da renda.

A realidade, indica, é que ningún deles recibiu xamais información en relación coa obriga de declarar as devanditas pensións e, como é evidente, nunca tiveron intención de defraudar á Facenda. Isto, ao non haber vontade de non cumprir coa lei, sería xa un argumento de peso para solicitar a eliminación das sancións que está comunicando Facenda, sancións que deberían ter en conta que en moitos dos casos destos veciños/ a veciñas- nun gran número atrapadas xa pola venda de Preferentes ou con ingresos cativos – implican custos moi elevados para que poidan asumilos.

 

También te puede interesar