Comarcas

Veciños de Galicia e Portugal protestan contra unha liña de alta tensión que cruzará preto das casas

Ducias de veciños de Arbo e de concellos portugueses fronteirizos desprazáronse este xoves a Santiago para protestar contra a construción dunha liña de alta tensión que pasará preto de núcleos habitados.

O voceiro deste grupo de veciños declarou aos xornalistas que representantes de Rede Eléctrica Española comunicaron xa a varios deles a ocupación das terras, polo que a instalación da liña de 400 quilovatios é “inminente”.

Os afectados desprazáronse ata a Praza do Obradoiro cun ataúde para facer visible o seu rexeitamento a este proxecto xa que entenden que a liña de alta tensión é “unha ameaza” para as súas vidas porque o electromagnetismo é prexudicial para a saúde das persoas.“Produce cancro, enfermidades cardiovasculares, deformacións xenéticas e demencia senil moito máis acusada”,

Na concentración, os veciños salientaron que non se opoñen á construción dunha liña destas características para conectar España e Portugal, pero piden que se instale lonxe de zonas habitadas, “hai monte abondo”, indicaron.

Segundo o proxecto, en Arbo a liña pasará entre as parroquias de Sela e Barcela por un núcleo de vivendas. Algunhas delas, afirmou, están “a 10 ou 20 metros”.

 

You may also like