A Confederación Intersindical Galga (CIG-Saúde) demandou da Consellería de Sanidade, o pasado 4 de decembro, a confirmación ou desmentido da información que circulaba polos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) segundo a que, a finais dese mesmo mes, se procedería á publicación do concurso para a privatización do servizo de esterilización dos centros hospitalarios. Desde a consellaría non houbo resposta algunha, pero si a publicación do concurso o pasado 2 de xaneiro. A CIG-Saúde denuncia que para que pasara desapercibido, o anuncio para esta privatización foi publicada no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e nin sequera se informou aos servizos afectados.
Segundo a publicación no DOUE o contrato do servizo ascendería a 132 millóns de euros, máis IVE. Para a CIG-Saúde o máis grave é que para a súa privatización “non se tivo en conta a opinión dos profesionais, xa que nin sequera foron previamente consultados ou recibiron comunicación algunha”. A data prevista para o inicio dos procedementos de adxudicación é o 1 de marzo e a CIG-Saúde exixe a súa paralización e que a concesión non chegue a ser formalizada.
A central sindical explica que os hospitais públicos do Sergas contan cos certificados de calidade ISO 9001 que “garante a excelencia e calidade do traballo”. Este control dos estándares de calidade tamén se fai polos servizos de medicina preventiva dos hospitais. O conxunto do traballo e do control de calidade é prestado por persoal sanitario (TCAEs, enfermeiras e médicos) e “se isto pasa a mans dunha empresa privada tal e como vén de confirmarse estariamos a falar da privatización da ‘bata branca’, esa que dixeron, tanto a conselleira, como o propio presidente da Xunta que non se ía producir”, denuncia o sindicato.
A CIG-Saúde advirte do encarecemento de todo o proceso se realmente se chega a efectivizar, xa que o material tería que ser trasladado en camións blindados, con sistemas que preserven un determinado nivel de humidade. De non ser así, o traslado deste material contaminado, en medios de transporte convencionais sería un risco para a poboación.