Galicia

135 novos titulados que accederán ao mercado laboral coas bolsas do IGAPE

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) participou este sábado no primeiro encontro formativo cos 135 novos bolseiros seleccionados pola Consellería de Economía e Industria para colaborar na implantación dos servizos avanzados de mellora da competitividade facilitados ao tecido empresarial mediante o ‘Programa Re-Acciona’, onde salientou que un terzo dos titulados que remataron o seu período como bolseiros ao amparo da convocatoria anterior xa están contratados polas empresas participantes.

No primeiro encontro formativo da nova convocatoria, o director xeral salientou que as novas bolsas permitirán que cada un dos titulados seleccionados teña a oportunidade de participar, no ámbito do programa, na implantación de proxectos de mellora competitiva en varias pemes, para mellorar así as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral.

Nesta convocatoria está previsto, asemade, que poidan realizar as prácticas en clusters empresariais e entidades colaboradoras da Unidade Galicia Emprende, nas que adquirirán coñecementos sectoriais ou acerca do proceso de análise de proxectos e apoio aos emprendedores. Entre os bolseiros seleccionados destacan os titulados en administración e dirección de empresas (48%) ou en diferentes ramas de enxeñaría (33%).

O Programa Re-Acciona conta cun orzamento total de 5 millóns de euros, durante dous anos. Con este Programa, o Igape realizará máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade e impulsará a implantación de servizos avanzados de alto valor engadido, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na estratexia e na xestión das empresas beneficiarias.

 

También te puede interesar