Galicia

92.800 fogares galegos teñen a todos os seus membros en paro, un 1% máis que hai un ano

Os número de fogares galegos con todos os seus membros en paro aumentou preto dun 1% ao peche de 2013 en relación con 2012, ata os 92.800, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE).

A suba foi xeneralizada a excepción da provincia de A Coruña, onde as vivendas familiares con polo menos un activo e nas que todos os activos son parados baixaron un 11,4% interanual, ata 34.200. Pola súa banda, Lugo rexistrou o maior incremento, cun 17,65% máis de fogares nos que todos os seus membros están desempregados, 10.000 en total.

A evolución de Pontevedra sitúase a continuación, cun 10,2% máis de fogares nestas circunstancias, polo que a cifra total alcanzou os 37.800 e é a maior por provincias. Por último, en Ourense estes fogares repuntaron un 1,89%, ata 10.800.

Por outra banda, o IGE recolle información sobre a poboación xuvenil que reflicte que a taxa de paro entre galegos de 16 a 29 anos ascendeu ata o 38,1% ao rematar 2013, case dous puntos por enriba do que marcaba un ano atrás (36,2%). No caso dos mozos de 16 a 24 anos, esta taxa é aínda maior (50,7%), mentres que o desemprego afecta un 31,3% dos galegos que teñen entre 25 e 29 anos.

 

También te puede interesar