Morre un dos pacientes ingresados por gripe en Galicia

Un dos 41 pacientes ingresados-14 deles na UCI- en hospitais de Galicia polo virus da gripe faleceu este mércores pola tarde no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Segundo a Consellería de Sanidade, trátase dun home de 77 anos que levaba unha semana cun cadro que a lle “agravou e complicou”.

Segundo o Sergas, o rexistro de hospitalizados por gripe entra dentro “do esperado e o normal nesta época e indicou que Galicia adoita rexistrar sobre “dez mortos cada ano” en relación con este virus. A media de ingresos por tempada está nuns 240 dos cales uns 50, algo máis do 20%, requiren estancia na UCI.

Sanidade advirte de que a finais da próxima semana ou principios da seguinte espera o “pico” da gripe, tras o que se prevé que empecen a baixar o número de casos, xa que este tipo de ondas adoitan durar entre oito e dez semanas.

O 90% dos casos que levan consigo hospitalización corresponden ao virus H1N1, aos que se suman outros do H3N2 -tamén incluído na denominación gripe A-.

 

También te puede interesar