A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou ante a Fiscalía de Ourense que o Centro de Atención de Emerxencias 112 non informou o Consorcio contra Incendios e Salvamento de Verín da desaparición dunha anciá no veciño concello de Monterrei, que faleceu pouco despois de ser atopada.
No texto da denuncia, o sindicato lembra que unha muller de 87 anos saíu da súa casa o pasado 4 de decembro e, ante a súa tardanza en regresar, a súa familia denunciou a situación e constituíuse un operativo con veciños, Garda Civil e voluntarios de Protección Civil de Laza.
Se ben apareceu ao día seguinte, “as baixas temperaturas que tivo que soportar durante a noite”, que pasou nun prado que está pretó da súa vivenda, “fixeron que falecese aos poucos minutos de ser atopada”.
Por iso, a CIG pide ao fiscal que investigue “a omisión de dar aviso” ao mencionado consorcio de salvamento, competente para esta tarefa en Monterrei, por parte do 112, á vista do resultado de falecemento dunha persoa. “Debe ser investigada para os efectos de determinar, xa non a súa transcendencia profesional, senón a súa transcendencia penal”, conclúe a denuncia.